segunda-feira, maio 21, 2007

CIDADES




In girum imus nocte et consumimur ignI


Ás íntimas cidades só se chega
por pasiva, veñen elas a ti
cando non as procuras, aparecen
como revelación fugaz, asoman
a súa burla altiva fitando de esguello
o teu xordo trafego.

Non veñen
precedidas de sinais, non piden
outro salvoconducto
ca uns ollos ben abertos
de animal sobresaltado.

E non tes de ir moi lonxe pra saberes
que a viaxe se mide en comparanzas
co punto de partida,
que só sendo de onde es
podes ser noutros sitios.

E que ó final unicamente amas
unha cidade cando alguén hai nela
que tamén te ama a ti e que pronuncia
o teu nome estranxeiro
como ninguén o pronunciou xamais, tal se fose
a palabra secreta que cifra o teu destino.

(De Libra, de Gonzalo Navaza,
para o anxo da casa Babilonia, el, que sabe)

Etiquetas: